VOOZH about

URL: https://gl.wikipedia.org/wiki/Amieiro

⇱ Amieiro - Wikipedia, a enciclopedia libre


Saltar ao contido
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Amieiro
Alnus glutinosa
Josef Gaertner 1790 👁 Editar o valor en Wikidata
Instancia de
Nome curto
Nome común
Características
Tipo de follaxe
Fonte de
Conservación
👁 Image
Especie pouco preocupante
Clasificación taxonómica
Categoría taxonómica
Taxon superior
Basónimo
ReinoPlantae
DivisiónMagnoliophyta
ClaseMagnoliopsida
OrdeFagales
FamiliaBetulaceae
XéneroAlnus
SubxéneroAlnus
EspecieA. glutinosa
Historia
Premios e distincións
Localización
Invasora en
Códigos e identificadores
Freebase/m/028j8m 👁 Editar o valor en Wikidata
OpenAlexC2777683974 👁 Editar o valor en Wikidata
UNII0P5G9CD0Z7 👁 Editar o valor en Wikidata
ITIS19470 👁 Editar o valor en Wikidata
OTT791130 👁 Editar o valor en Wikidata
UICN63517 👁 Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
Descrito pola fonte
WikidataG:CommonsC:Commons

O amieiro,[1] ameneiro[2] ou abeneiro[3] (Alnus glutinosa), é unha árbore do xénero Alnus, da familia das betuláceas. Atópase en toda Europa, Siberia e norte de África. É a árbore por excelencia das ribeiras galegas formando os chamados bosques galería.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O nome amieiro (e a súa variante ameneiro) ten orixe prerromana, paleoindoeuropea a partir da partícula am – canle, á que posteriormente se engadiría o sufixo latino –ario. No galego de Asturias recibe o nome de umeiro, mais cómpre non confundilo coas árbores do xénero Ulmus (umeiros ou ulmeiros).

Probabelmente orixinouse a partir do latín vulgar *AMINARIU, forma derivada da voz celta ameia.[4]

A formación denomínase amieiral, ameneiral ou abeneiral segundo a zona.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Árbore de ribeira que pode acadar uns 25 m de altura. A folla é caediza de 6 a 12cm de longo con pecíolos curtos (5–10cm), de cor verde escura, pola face anterior e un chisco máis clara polo revés, limbo arredondado e con extremidade truncada. Unha orixinalidade é que fican verdes até a súa caída no outono. Con 5 a 8 pares de nervios paralelos. Feixes de pelos abrancazados ou arroibados nas axilas do revés. Cando agroman na primavera, resultan algo pilosas, ficando moi cedo sen pelos. As follas novas e os gomos son moi pegañentos cando son novos, con características glándulas resinosas. Xemas estreitas e ovoides, clara e grosamente pedunculadas en forma de maza co extremo arredondado, de cor parda avermellada ou violácea, con frecuencia punteadas moi finamente de branco por secrecións céreas, as terminais maiores cás laterais. Inserción espiraliforme no ramiño. Atópanse cubertas por 3 escamas, das que só dúas son visíbeis.

Florea antes de aparecer as follas. Os amentos masculinos (chamados candeas), de 5 a 10cm, son delgados, cilíndricos e pénsiles, de coloración avermellada. Os femininos son máis miúdos (2cm) e de cor marrón escura a negro, duros e algo lígneos, gardando certa semellanza cos conos das coníferas. Cando as sementes miudiñas e aladas son ceibadas, os conos fican na árbore, a miúdo durante todo o inverno.

Os amieiros propáganse de xeito doado por semente, malia botaren abundantes chupóns da raíz. As raíces moi estendidas en superficie. Perde logo a raíz principal e desenvolve numerosas raíces secundarias oblicuas e outras terciarias verticais de ancoraxe forte, máis fondas, o que lle permite resistir enchentes. En condicións de chea continuada produce raíces adventicias tenras e ramificadas polo toro. Nas raíces superficiais posúe nódulos ( de 2 a 12cm de diámetro) fixadores de azote atmosférico, asociado á bacteria Actinomyces alni. O amieiro necesita ter as súas raíces permanentemente mergulladas. Atura enchentes periódicas sempre que haxa renovación de auga corrente.

Son árbores de especial importancia ecolóxica, a base do toco dos amieiros é un prezado refuxio para pequenos vertebrados e invertebrados bentónicos.[5]

Nas Gándaras de Budiño, na desembocadura do Ulla e no río Lérez, atopamos exemplos dos mellores amieirais da península.

👁 Image
Os amieirais ocupan brañas e lameiros, lugares moi húmidos. Amieiral no río Landro, Galicia.
👁 Image
Casca dun exemplar noviño de ameneiro.

A madeira do amieiro é resistente, branda, lixeira, doada de traballar e consérvase ben baixo a auga. A cor é bastante clara, mais ao cortala tórnase de cor arroibada e por iso en moitos países de Europa crían que esta árbore estaba embruxada. A madeira é moi resistente na auga e por iso empregábase para a construción de palafitas. Os alicerces dos edificios de Venecia están feitos de pau de amieiro.

En Galicia

[editar | editar a fonte]

Coa súa casca, xunto con lascas de ferro facíase unha excelente tintura negra para curtumes, puchas e sombreiros, ou ben extraíase un aceite para repeler mosquitos. A madeira, como era resistente a auga, utilizábase na construción de pontellas, pontes, muíños e postes baixo a auga, e tamén na fabricación de pequenos utensilios e zocas, actividades estas últimas que continúan na actualidade. Asemade o seu carbón tiña utilidade para a fabricación de pólvora.

Propiedades medicinais

[editar | editar a fonte]

O amieiro na cultura popular galega

[editar | editar a fonte]

Segundo as lendas, é unha das árbores usadas para gardar tesouros e tamén é a árbore para fabricar as máscaras do Entroido ourensán, polo pouco peso da súa madeira.

As follas de ameneiro úsanse para aliviar os pés doridos e tamñen para retirar o leite nas mulleres que crían. Colocando follas de ameneiro sobre un furuncho axuda a que rebente e cure. E colocándoas sobre un tirizó aceleran a súa maduración.[6]

Un cocemento da súa codia disque serve para endurecer as enxivas e fixar os dentes.[7]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Alnus glutinosa foi descrita por (L.) Gaertn. e publicado en De Fructibus et Seminibus Plantarum. . . . 2: 54. 1790.[8]

  • Alnus glutinosa var. denticulata (C.A.Mey.) Ledeb.[10]
  • Alnus vulgaris Druce
  • Betula alnus var. glutinosa L.
  • Betula glutinosa (L.) L.

Nomes comúns

[editar | editar a fonte]

Umeiro, omeiro, amineiro, amieiro, amieira, ameneiro, ameeiro, abineiro, abeneiro branco e abeneiro[11].

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para amieiro.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para ameneiro.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para abeneiro.
  4. Benigno Fernández Salgado. "Dicionario Galaxia de usos e dificultades da lingua galega". Consultado o 20/9/2015.
  5. http://www.vexetaciondegalicia.es/ar-alnus-glutinosa.html
  6. Víctor Lis Quibén: La medicina popular en Galicia, Akal, Madrid 1980 [1949], 288.
  7. Concello do Grove: Rutas da Natureza: Primavera (1990).
  8. "Amieiro". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 4 de novembro de 2012.
  9. Variedades en Catalogue of life
  10. "Amieiro". Real Jardín Botánico: Proyecto Anthos. Arquivado dende o orixinal o 27 de agosto de 2017. Consultado o 27 de novembro de 2009.
  11. "Amieiro (Alnus glutinosa L.)". Atlas Lingüístico Galego. Consultado o 17 de setembro de 2016.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • BOUZA BREY, F. (1929): "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, páx. 153-204.
  • Real Academia Gallega: Diccionario gallego-castellano. A Coruña 1913-1928.
  • Vocabulario Forestal (galego-español-inglés), Servizo de Normalización Lingüística, Universidade de Santiago de Compostela, 2012.