VOOZH about

URL: https://gl.wikipedia.org/wiki/Calmodulina

⇱ Calmodulina - Wikipedia, a enciclopedia libre


Saltar ao contido
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
👁 Image
Estrutura tridimensional da calmodulina.

A calmodulina (CaM) é unha proteína intracelular, de baixo peso molecular que expresan todas as células eucariotas. Únese ao ión calcio, para o que ten catro sitios de unión, e é un dos reguladores na transdución de sinais por calcio na célula, de onde lle vén o seu nome (en inglés, calcium-modulated protein, proteína modulada por calcio). O calcio participa no sistema de transdución de sinais intracelulares actuando como un segundo mensaxeiro difusible do estímulo inicial, e a calmodulina funciona como receptor reversible para o Ca+2. A calmodulina asóciase a multitude de proteínas diferentes regulando a súa actividade, polo que funciona como un mensaxeiro intermediario regulador.[1][2]

Funcións

[editar | editar a fonte]

A calmodulina media procesos inflamatorios, metabólicos, a apoptose, a contracción do músculo liso (vasoconstrición das arterias), o movemento intracelular, a memoria a curto e a longo prazo, o crecemento de células nerviosas e as respostas inmunes.

A calmodulina exprésase en moitos tipos celulares e pode ter diferentes localizacións na célula, como no citoplasma, dentro dos orgánulos, ou asociada coa membrana plasmática ou as membranas dos orgánulos. Moitas das proteínas ás que se une a calmodulina non poden unirse ao calcio por si mesmas, e utilizan a calmodulina como sensor do calcio e transdutor de sinais. A calmodulina pode tamén utilizar o calcio almacenado no retículo endoplasmático, e o retículo sarcoplásmico. A calmodulina pode sufrir modificacións postraducionais, como fosforilación, acetilación, metilación e corte proteolítico, que modulan as súas accións.

Ademais, para exercer a súa función reguladora a calmodulina interacciona cun amplo rango de encimas e compoñentes do citoesqueleto disparando respostas bioquímicas moi específicas, que se exercen a través das proteínas ás cales se une e que se coñecen co nome de proteínas de unión á calmodulina (PUCaMs) [3].

Outra das funcións recentemente descubertas é a relacionada coa motilidade espermática. Localizouse esta proteína na cabeza dos espermatozoides o cal suxire a súa participación na capacitación e na reacción acrosómica [4][5]. A fosforilación de proteínas é un proceso implicado na regulación da motilidade espermática e diferentes fosfoproteínas foron asociadas co inicio e mantemento da mesma.

A calmodulina realiza un papel moi importante no metabolismo enerxético porque, ao ligarse á fosforilase quinase, activa a glicólise[6]. Presenta unha estrutura similar á da troponina C (70% de semellanza) o cal lle permite sincronizar a contracción muscular [7].

Estrutura

[editar | editar a fonte]

A calmodulina é unha proteína pequena, composta por 148 aminoácidos e cun peso molecular de 16.706 Da de secuencia moi conservada. Está formada por unha única cadea polipeptídica e presenta un dominio globular N-terminal e un dominio globular C-terminal unidos entre si por unha zona de unión flexible. Cada un destes dominios presenta dous lugares de unión ao calcio (chamados mans EF) e están formados por unha conformación de 12 residuos aminoacídicos, rodeados por dúas hélices que poden adoptar diversos ángulos de apertura, o que facilita a súa unión a diversas proteínas.[8]

Modo de acción

[editar | editar a fonte]

Cando a concentración de ión Ca+2 aumenta a 1 µM, a unión do Ca+2 á calmodulina provoca un cambio de conformación na proteína. Pode unirse a catro ións calcio e a súa unión inducirá distintos cambios alostéricos na proteína, principalmente a rotación dos dous dominios globulares. Como consecuencia deste cambio conformacional despois da unión do calcio quedan expostos grupos metilo hidrófobos pertencentes a residuos de metionina. Isto implica que se formen certas superficies hidrófobas que poidan unirse a hélices alfa anfipáticas da proteína diana, xa que estas hélices conteñen algunhas rexións hidrófobas complementarias. A flexibilidade da molécula permítelle á calmodulina unirse a moi diversas proteínas e desta maneira controla a súa actividade.

A familia da calmodulina

[editar | editar a fonte]

Outras proteínas de unión ao calcio

[editar | editar a fonte]

A calmodulina pertence a un dos dous grupos principais de proteínas de unión ao calcio, chamadas proteínas de man EF (dominio estrutural hélice-bucle-hélice). O outro grupo son as chamadas anexinas (lipocortinas), que se unen ao calcio e a fosfolípidos. Moitas outras proteínas pode unirse ao calcio, pero a unión ao calcio non é a súa función principal.

  1. Stevens FC (1983). "Calmodulin: an introduction". Can. J. Biochem. Cell Biol. 61 (8): 906–10. PMID6313166. doi:10.1139/o83-115.
  2. Chin D, Means AR (2000). "Calmodulin: a prototypical calcium sensor". Trends Cell Biol. 10 (8): 322–8. PMID10884684. doi:10.1016/S0962-8924(00)01800-6.
  3. WY Cheung. Calmodulin plays a pivotal role in cellular regulation. Science 4 de xaneiro de 1980: Vol. 207 no. 4426 pp. 19-27. DOI: 10.1126/science.6243188.
  4. Bendahmane M, Lynch C 2nd, Tulsiani DR. Calmodulin signals capacitation and triggers the agonist-induced acrosome reaction in mouse spermatozoa. Arch Biochem Biophys. 2001 Jun 1;390(1):1-8. PMID 11368508
  5. Leticia Moreno-Fierros, Enrique Othon Hernández, Zaira O. Salgado, Adela Mújica. F-actin in guinea pig spermatozoa: Its role in calmodulin translocation during acrosome reaction. Molecular Reproduction and Development. Volume 33, Issue 2, pages 172–181, outubro de 1992.
  6. Eisuke Furuya, Motoko Yokoyama, Kosaku Uyeda. Regulation of fructose-6-phosphate 2-kinase by phosphorylation and dephosphorylation: Possible mechanism for coordinated control of glycolysis and glycogenolysis. Proc. Natt Acad. Sci. USA. Vol. 79, pp. 325-329, xaneiro de 1982.
  7. Picton C, Klee CB, Cohen P. The regulation of muscle phosphorylase kinase by calcium ions, calmodulin and troponin-C. Cell Calcium. 1981 Aug;2(4):281-94. PMID 7200399
  8. Chou JJ, Li S, Klee CB, Bax A (2001). "Solution structure of Ca(2+)-calmodulin reveals flexible hand-like properties of its domains". Nat. Struct. Biol. 8 (11): 990–7. PMID11685248. doi:10.1038/nsb1101-990.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]