VOOZH about

URL: https://gl.wikipedia.org/wiki/Centeo

⇱ Centeo - Wikipedia, a enciclopedia libre


Saltar ao contido
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Centeo
Secale cereale
Carl von Linné 1753 👁 Editar o valor en Wikidata
Instancia de
Nome curto
Nome común
Características
Fonte de
Clasificación taxonómica
Categoría taxonómica
Taxon superior
ReinoPlantae
DivisiónMagnoliophyta
ClaseLiliopsida
SubclaseCommelinidae
OrdePoales
FamiliaPoaceae
SubfamiliaPooideae
TriboTriticeae
XéneroSecale
EspecieS. cereale
Localización
Invasora en
Códigos e identificadores
Freebase/m/0cl3b 👁 Editar o valor en Wikidata
UNII12M71ST1GZ 👁 Editar o valor en Wikidata
ITIS42090 👁 Editar o valor en Wikidata
OTT553015 👁 Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
WikidataG:CommonsC:Commons
👁 Image
Secale cereale

O centeo (Secale cereale (L.) M.Bieb.) é unha gramíneas que se cultiva polo seu gran e como planta forraxeira. É un membro da familia do trigo e relaciónase estreitamente co orxo. | O gran do centeo utilízase para facer fariña (fariña centea) e na industria da alimentación. É altamente tolerante á acidez do solo. O primeiro uso posible do centeo doméstico remóntase a Abu Hureyra ao norte de Siria, no val do río Éufrates no Paleolítico tardío. É un cultivo común en Galiza, sendo a fariña centea unha das máis empregadas noutrora para facer pan.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O termo centeo provén da denominación latina centenum, -i, derivado do numeral centeni 'de cen en cen', polos moitos grans que produce cada planta.[1]

Descrición

[editar | editar a fonte]

O centeo é unha planta anual de 110 a 160cm de altura, que florea de maio a xullo, facendo unha inflorescencia en espiga duns 20 a 30cm de longo (máis longa ca do trigo), follas de 5 a 10mm de largo. Glumas das espigas de 6 a 15mm sen contar as arganas; lemna (gluma inferior) de 7 a 15mm, con aresta normalmente de 2 a 5,5cm. O gran como todas as gramíneas denomínase cariópside. Considéranse que o Irán é o país de orixe desta especie.

Ten un sistema radicular fasciculado semellante ao do trigo, aínda que máis desenvolvido ca este. Esta é unha das razóns da súa grande rusticidade. O talo é longo e flexíbel. As follas son estreitas. Coma no caso do orxo, as espiguillas non teñen pedúnculo e fican todas unidas directamente ao raque, correspondendo unha soa a cada dente deste. As glumas son alongadas e agudas no seu ápice. As vilosidades pola súa parte dorsal, prolónganse nunha longa aresta. Cada espiguilla produce tres flores, pero só son fértiles dúas. A espiga é magra e longa.

Parasitos

[editar | editar a fonte]

O centeo vese afectado por un fungo parasito, o cornizó Claviceps purpurea, cuxo consumo accidental xunto co cereal era a causa do ergotismo. Tamén é chamado cornello, dentón, gran de corvo ou caruncho[2].

👁 Image
Pan centeo

Un dos usos deste cereal é o de elaborar coa súa fariña pan centeo, moi empregado noutrora en Galiza, sendo un referente nacional canto á cantidade e calidade. Coa fariña centea faise pumpernickel, moi usado en Europa do norte e do leste. Tamén se fai o familiar knäckebröd.

A fariña de centeo ten baixo contido en glute en comparanza coa fariña triga, e contén máis proporción de fibras solúbeis.

Outros dos seus usos é a fabricación de whisky de centeo, e como medicina alternativa na súa forma líquida, coñecida como "extracto de centeo"; un líquido obtido do centeo e semellante ao extraído do pasto de trigo. Entre os seus supostos beneficios inclúense a mellora do sistema inmune, o incremento dos niveis de enerxía e mellora da situación fronte as alerxias, aínda que non existe evidencia clínica da súa eficacia. Dise tamén que podería ser activo na prevención do cancro de próstata.[3]

Coa súa palla facíanse as cubertas (colmados) das pallozas e outras construcións populares en Galiza e outros lugares de Europa coma Inglaterra e Irlanda. Tamén coa palla se fan bonecos de xoguete. Indicacións: úsase como laxante lixeiro, nutritivo.[4]

Produción e consumo

[editar | editar a fonte]
Primeiros dez produtores — 2005
(millóns de toneladas)
👁 Rusia
Rusia
3,6
👁 Polonia
Polonia
3,4
👁 Alemaña
Alemaña
2,8
👁 Belarús
Belarús
1,2
👁 Ucraína
Ucraína
1,1
👁 Image
China
0,6
👁 Image
Canadá
0,4
👁 Turquía
Turquía
0,3
👁 Estados Unidos de América
EstadosUnidos
0,2
👁 Austria
Austria
0,2
Total Mundial13.3
Source: FAO [6]
Minerais
Calcio33mg
Ferro2,67mg
Magnesio121mg
Fósforo374mg
Potasio264mg
Sodio6mg
Zinc3,73mg
Cobre0,450mg
Magnesio2,680mg
Selenio0,035mg

O centeo medra primariamente en Europa do leste, centro e norteña: norte de Alemaña, Polonia, Ucraína, Belarús, Lituania, Letonia e cara Rusia central e do norte. Tamén prospera en América do Norte: no Canadá, nos Estados Unidos, América do Sur: na Arxentina, no Brasil, Asia: Turquía, Kazakhstán, e norte da China.

Os niveis da súa produción seguen a decaer en moitas das nacións produtoras por mor á menor demanda. Por exemplo a produción rusa pasou de 13,9 millóns de Tm en 1992 a 3,4 Mt en 2005. E Polonia - 5,9 Mt en 1992 a 3,4 Mt en 2005; Alemaña - 3,3 Mt & 2,8 Mt; Belarús - 3,1 Mt & 1,2 Mt; China - 1,7 Mt & 0,6 Mt; Kazakhstán - 0,6 Mt & 0,02 Mt.

Moito do centeo consómese localmente, e só se exporta a países veciños, non mundialmente.

Contraindicacións

[editar | editar a fonte]

O centeo, así como o trigo, a cebada, a avea, a espelta, o camut e o malte, posúen glute na súa composición. Deste xeito, non o deben consumir quen padeza enfermidade celíaca. As persoas intolerantes ao glute, se consomen alimentos con esta substancia, tráelles como consecuencia unha deterioración nas mucosas do intestino delgado, prexudicando o organismo e a absorción de diversos nutrientes. Porén, existen unha serie de cereais que non teñen glute e poden consumir as persoas que padecen de celiaquía: o arroz, o millo, a quinoa, o millo miúdo (aínda que non ten glute, os celíacos non adoitan toleralo ben), o amaranto, o trigo sarraceno ou alforfón (realmente é un pseudo-cereal) e o sorgo. Así mesmo, a fariña de castaña tampouco ten glute.

O centeo na cultura popular galega

[editar | editar a fonte]

Coa fariña centea faise en Galiza o pan moreno, e mesturada coa de millo pan de mestura[7].

Cultívase en toda Galiza, sendo máis resistente có trigo e adaptábel a todas as terras, porén o pan, bastante utilizado na Galiza aldeá, é máis escuro. Durante séculos foi o cereal máis cultivado, sobre todo nas familias máis humildes e principalmente nas altas terras montañosas de Ourense, que por iso lle chamaban terras de pan. Ademais do pan centeo ou de mestura, a palla serve coma forraxe, alimento e cama do gado. Nalgunhas comarcas a palla ou colmo emprégase para a cubrición das vivendas (colmados). Antes da malla, a palla ponse en medas nas eiras.

Require rega no verán e a sega faise guichada nalgunhas zonas. Padece con frecuencia o cornizó ou caruncho (Claviceps purpurea), que se apodera do gran e que, mesturado con este e convertido tamén en fariña produce unha especie de gangrena seca a quen o come. Por iso cómpre peneiralo ben para tiralo e non o levar ao muíño[8].

Adoita considerarse o día de San Bernabeu, o 11 de xuño, como o día idóneo para a súa sega[9].

Expresións

[editar | editar a fonte]
  • Mallar nun coma nun centeo verde mallar nunha persoa sen contemplación algunha[8].

Refraneiro

[editar | editar a fonte]
  • Centeo alto ou baixo, en maio espigado, que tardeiro ou temperau, en maio ha telo grau.
  • O centeo basto na hucha, non no terreo[10].

Cantigueiro

[editar | editar a fonte]
  • Eu casar ben me casaba,/ recear ben o receo,/ sinto de andar perguntando/ a como vale o centeo.
  • Mariquiña da forneira/ se coceres faime un bolo,/ se mo fas, faimo de trigo,/ que centeo non cho como.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Portal das palabras. "Centeo". Consultado o 16 de agosto de 2015.
  2. Vocabulario de ciencias naturais. Santiago de Compostela, Xunta, 1991. Gran dicionario Xerais da lingua galega. Vigo, Xerais, 2009
  3. E Pukkala, N Gustavsson and L Teppo, Atlas of cancer incidence in Finland, Cancer Society of Finland, Helsinki (1987), p. 37. and P Kleemola, M Virtanen and P Pietinen, Dietary survey of Finnish adults, Publications of the National Public Health Institute B2, Helsinki (1994)
  4. "Centeo". Plantas útiles: Linneo. Arquivado dende o orixinal o 01 de decembro de 2009. Consultado o 15 de marzo de 2010.
  5. "Centeo". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 15 de marzo de 2010.
  6. Mayores Productores de Commodities - Países por Commodity
  7. Leandro Carré Alvarellos (1933): Diccionario galego-castelán, Segunda Edizón, A Coruña, Roel
  8. 1 2 Eladio Rodríguez González (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo
  9. Ferro Ruibal, Xesús; et alii (1992). Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo.
  10. Marcial Valladares Núñez (1884): Diccionario gallego-castellano, Santiago, Imp. Seminario Conciliar

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]