👁 Image Países da EurozonaPaíses da ERM IIoutros membros da UEpaíses fóra da UE que adoptaron ó euro unilateralmente
A eurozona ou zona euro é unha rexión europea que agrupa os países da Unión Europea que teñen como moeda oficial o euro (€). O Banco Central Europeo é o responsábel da política monetaria na zona euro, e o eurogrupo é o órgano político que reúne os representantes dos países que utilizan esta moeda.
A eurozona foi creada en 1999 por 11 países da Unión Europea, mais os billetes e moedas non comezaron a circular até o 1 de xaneiro de 2002. Posteriormente incorporáronse Grecia o 1 de xaneiro de 2001[2] (entrando en circulación xunto cos anteriores), Eslovenia o 1 de xaneiro de 2007,[3]Malta[4] e Chipre[5] o 1 de xaneiro de 2008, Eslovaquia o 1 de xaneiro do 2009,[6]Estonia o 1 de xaneiro de 2011[7], Letonia o 1 de xaneiro de 2014[8] e Lituania o 1 de xaneiro de 2015.[9] Respecto dos territorios dos Estados da Unión que non pertencen á propia UE, utilizan o euro as colectividades de ultramar francesas de Saint-Pierre-et-Miquelon, San Bartolomeu, as Terras Antárticas e Austrais Francesas e a illa de Clipperton, así como as bases soberanas británicas de Acrotiri e Dekhelia situadas na illa de Chipre.
Ademais destes 21 países existen outros fóra da Unión Europea que tamén teñen o euro como moeda única. Entre eles están Mónaco, San Marino, Cidade do Vaticano (que emiten os seus propios euros grazas a que teñen acordos legais coa Unión Europea), Andorra (ten acordos legais coa Unión Europea pero non emite euros propios). Kosovo e Montenegro utilízana sen acordos legais coa Unión Europea.
Os países da Unión Europea que non están na eurozona pero teñen a obriga de adoptalo son Suecia, Hungría, Polonia, República Checa e Romanía. Outros como Dinamarca gozan dunha cláusula de exclusión que lles permite continuaren a utilizar as súas moedas nacionais indefinidamente.