| Vedoiro | |
|---|---|
|
Instancia de
| |
|
Parte de
| |
| Wikidata |
Os vedoiros (tamén chamados vedeiros e vedoreiros) son uns personaxes da mitoloxía galega con poderes para adiviñar feitos futuros e de ver cousas ocultas (como tesouros e obxectos perdidos). Tamén son quen de adiviñar quen vai morrer e de ver as ánimas.[1]
Esta propiedade adquírese cando o crego utiliza o óleo dos defuntos para bautizar un meniño, en lugar de utilizar o correcto, o óleo dos vivos; ou ben cando no bautizo se emprega unha auga bendita que xa se utilizara nun enterro. Tamén se di que foi porque o cura que lle bautizou usaba a mesma estola que utilizara nos enterros.[2] Pero tamén poden ter estas capacidades de nacemento, cando coincide a data de nacemento coa de Xesús (24 de decembro) ou coa da súa morte (o Venres Santo).
Hai un tipo de vedoiro que semella estar especializado e anunciar a morte de alguén, e recibe o nome de antaruxo. Chámaselle así porque se supón que realmente é un antaruxado, é dicir, un membro da Compaña. É un personaxe alto e fraco, feo e de aspecto descoidado, sucio.[3] Cóntase dunha moza vedoira que sabía cando ía vir a Compaña e así podía avisar ó seu mozo para que marchara antes de toparse coa procesión.
En Suegos (O Vicedo, Lugo) dise que dunha volta ían unha muller e un home pola rúa. A muller parou e advirtiulle que viña un enterro e, ante o rexeitamento do home, que se negaba a crer nesas cousas, engadiu que o enterro ía saír da súa casa. E, efectivamente, esa mesma noite morreulle a muller a este home.[4]
Vítor Vaqueiro cita a existencia documentada da vedoira de Sanfoxa (chamada Crista, e que fora bautizada co óleo de defuntos) e de Dolores de Esqueira, do Valadouro (Lugo). Ademais de adiviñar o momento da morte, esta última adiviñaba se a súa alma se ía salvar ou condenar.
Recolle tamén o caso dunha vella vedoira de Laíño (Dodro). A vella morre e é conducida ó enterro, no que unha moza vai quedando atrás para non ir ata o cemiterio, pois di que ten moito que facer. Cando a moza xa marcha, atopa unha vella sentada á porta dunha casa que, moi enfadada, lle berra que o seu enterro é máis importante que tódalas tarefas que poida ter que facer. E descúbrese mostrándolle o rostro devorado polos vermes. Polo seu desleixamento, a vella anuncia á moza unha morte espantosa.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Cuba e outros, s. v. vedoiro.
- ↑ Quintía Pereira: Dicionario de amuletos galegos, 133.
- ↑ Cuba e outros, s. v. antaruxo.
- ↑ Galicia Encantada.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cuba, X. R.; Reigosa, A.; Miranda, X. (2008). Dicionario dos seres míticos galegos. Vigo: Xerais. ISBN978-84-9782-869-7.
- Vaqueiro, Vítor (2011). Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres. Vigo: Galaxia. ISBN978-84-9865-387-8.
